- Inicio
- Os nosos compromisos
Os nosos compromisos
ADIF traballa para manter relacións de colaboración con todos os seus grupos de interese: cidadanía, persoas usuarias de servizos ferroviarios, operadoras, administracións públicas, organizacións culturais, sociais, deportivas, ecoloxistas, provedores etc.
O noso compromiso é situármonos en cada un destes eidos nunha posición de servizo eficaz operativa e economicamente, baixo criterios xerais de sustentabilidade.
TRABALLAMOS PARA:
- Aumentar a eficacia global do sistema ferroviario
- Garantir a seguridade do transporte por ferrocarril
- Mellorar a vertebración do territorio
- Favorecer a cohesión social e o desenvolvemento sustentable
- Impulsar o benestar da cidadanía e a calidade de vida
ADIF é responsable da xestión dunha parte importante dos investimentos en infraestruturas ferroviarias e da administración da rede de alta velocidade encomendada á nosa organización, así como da Rede Ferroviaria de Interese Xeral do Estado.
A partir desta responsabilidade e das derivadas do marco legal en que se desenvolve a actividade de ADIF, o Plan Estratéxico de Infraestruturas e Transporte (PEIT) e a Lei do sector ferroviario, o Administrador de Infraestructuras Ferroviarias definiu a súa misión/visión:
Misión
Potenciar o sistema de transporte ferroviario español mediante o desenvolvemento e a xestión dun sistema de infraestruturas seguro, eficiente, sustentable desde o punto de vista económico e ambiental, e con altos estándares de calidade.
Como xestor e administrador das infraestruturas ferroviarias, ADIF debe facer do ferrocarril o medio de transporte por excelencia, aumentando a calidade de vida da cidadanía, conservando os elevados estándares de seguridade actuais e traballando para seguir a melloralos, tendo como premisa principal o respecto ambiental, promovendo a integración idónea do ferrocarril no medio que o rodea e favorecendo un desenvolvemento sustentable.
É fundamental xestionar e operar coa máxima eficiencia, con compromiso e transparencia, de forma socialmente responsable, desenvolvendo novos negocios e procurando o equilibrio económico-financeiro, á vez que se facilita o acceso dos operadores á infraestrutura en condicións de igualdade e se fomenta o aumento de cota do transporte ferroviario fronte a outros modos.
ADIF debe ser unha organización que faga do desenvolvemento do seu capital humano un dos piares de éxito, que sexa capaz de desenvolver unha xestión eficiente dos recursos públicos, facilitando a posta en práctica do PEIT e contribuíndo á vertebración do país e á súa integración territorial.
Visión
Situar ADIF como organización de referencia na innovación e integración dos sistemas de xestión, baseados na xestión excelente e o compromiso social, entre os xestores de infraestruturas europeos.
Desde esta perspectiva, ADIF é un participante activo no desenvolvemento do sector e aspira a situarse na vangarda tecnolóxica e de xestión no eido europeo de xestores de infraestruturas ferroviarias, así como a se converter nun referente entre os sistemas ferroviarios máis seguros e de calidade do seu contorno.
A partir destas premisas, os retos a que se enfronta ADIF de cara a 2010 enmárcanse no contexto dos valores que son propios e consubstanciais á organización, consistentes en:
- Converterse en referente entre os sistemas ferroviarios máis seguros do seu contorno, mediante a redución do índice de accidentes.
- Ser a máxima referencia europea en canto a calidade de servizos, acadando un índice de puntualidade do 98%.
- Acadar a máxima eficiencia operativa, ao situarse entre os cinco mellores xestores europeos, cun custo obxectivo de operación de 45 000 euros/km ao ano.
- Conseguir o equilibrio económico e financeiro, cunha cobertura total de custos de explotación.
- Promover a innovación para o desenvolvemento de novos negocios a partir dos activos xestionados.
- Facilitarlles aos operadores ferroviarios o acceso á infraestrutura en condicións de igualdade.
- Fomentar o aumento da cota de transporte ferroviario fronte a outros modos, tanto en mercancías como en viaxeiros.