Liñas de Alta Velocidade
Liña Madrid-Galicia
UNIÓN EUROPEA

Financiamento período 2007-2013:
- Será cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo de Galicia 2007-2013 cunha axuda estimada de 201,2 millóns de euros.
(Datos a 31 de decembro de 2011)
UN NOVO ACCESO FERROVIARIO A GALICIA
Os trazados ferroviarios galegos sempre estiveron condicionados por un accidentado relevo que dificultou as comunicacións ferroviarias co centro peninsular. De feito, a primeira liña directa entre Madrid e Galicia, por Zamora e Ourense, non se acadou ata 1958.
A liña de alta velocidade Madrid – Galicia, encadrada no Corredor Norte/Noroeste, que actualmente constrúe o Ministerio de Fomento a través de Adif situará a Galicia no mapa da alta velocidade española.
Produciranse dous novos momentos históricos no ferrocarril galego. O primeiro corresponde a finais de 2011, tras a entrada en servizo do tramo entre Ourense, Santiago e A Coruña, que está en obras desde o ano 2004. O segundo terá lugar arredor de finais de 2015, cando se faga efectiva a conexión coa meseta.
O 10 de decembro de 2011, tras finalizar todos os traballos de infraestruturas entre Ourense e Santiago e unha vez concluídos os traballos de electrificación e mellora integral da liña entre Santiago e A Coruña, entrou en servizo a liña Ourense-Santiago-A Coruña, de 150 quilómetros de lonxitude. Na súa construción investíronse máis de 3.300 millóns de euros.
Esta nova relación posibilitará unha mellora significativa en velocidade, fiabilidade, confort e tempos de viaxe.
A apertura do resto da Liña Madrid – Galicia, entre Olmedo e Ourense está fixada arredor de finais de 2015, segundo os prazos previstos no Pacto do Obradoiro.
A garantía no cumprimento desta data baséase nos seguintes factores:
- A vontade do goberno de España e a colaboración das administracións autonómicas na resolución das tramitacións nas que son competentes.
- Un novo calendario que acelera as licitacións de 2011.
- E a capacidade, experiencia e solvencia de Adif na construción de infraestruturas e no cumprimento de prazos acordados.

Para acadar esta última data, o Goberno impulsou a construción da Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia coa licitación, o 29 de abril de 2011, dos contratos de Colaboración Público-Privada (CPP) para a redacción dos proxectos e a execución das obras de montaxe de vía e instalacións ferroviarias, así como do seu mantemento e a financiamento de parte dos investimentos, da nova conexión entre Olmedo (Valladolid) e Santiago de Compostela.
Así mesmo, Adif está licitando e adxudicando, polo procedemento de concurso público convencional, as obras de plataforma que faltan por executarse na Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia no traxecto comprendido entre Requejo e Ourense.
O Ministerio de Fomento, a través de Adif e en colaboración coa Xunta, cumprirá o seu compromiso, xerando unha oportunidade de desenvolvemento social e económico sen precedentes para Galicia, que favorece a cohesión territorial do noso país.
VANTAXES

A nova relación ferroviaria posibilita unha mellora significativa en velocidade, fiabilidade, confort e tempos de viaxe.
A nova liña constrúese en vía dobre electrificada, con parámetros de alta velocidade, e está deseñada para velocidades máximas de 350 km/h. A chegada da alta velocidade supón ademais, para as estacións do seu percorrido, obras de adaptación e modernización de instalacións, así como unha mellora do urbanismo das cidades.
Esta nova infraestrutura, xunto co Eixe Atlántico, entre A Coruña e Vigo, fará vivir aos galegos unha revolución nas súas condicións e tempos de viaxe por ferrocarril.
Entre Ourense e A Coruña redúcese o tempo de viaxe en 1 hora e 7 minutos, pasando de 2 horas e 15 minutos a tan só 1 hora e 8 minutos. Entre Ourense e Santiago redúcese preto de 1 hora, pasando de 1 hora e 34 minutos a tan só 38 minutos. Por último, a viaxe entre A Coruña e Santiago pasa de 35 a 28 minutos. Entre Madrid e Galicia redúcense os tempos de viaxe arredor de 1 hora. Cando entren en servizo os trens Alvia Híbridos, no segundo trimestre de 2012, suporá unha nova mellora doutros 30 minutos adicionais no percorrido.
As melloras de tempo serán progresivas, ata acadar, cara finais de 2015, un tempo de viaxe entre Santiago e Madrid arredor das 3 horas.
É unha clara aposta polo ferrocarril como medio de transporte que favorece a cohesión social e a dinamización económica.
DESCRICIÓN DO TRAZADO

O novo acceso a Galicia arranca na bifurcación da Liña Madrid-Valladolid en Olmedo e remata en Santiago de Compostela, onde enlaza co Eixo Atlántico galego. É un novo trazado de 434,86 km de lonxitude onde se implantará unha vía dobre electrificada con ancho UIC (1.435 mm) e sinalización ASFA e ERTMS. A liña está deseñada para permitir unha velocidade máxima de 350 km/h.
Tramo Olmedo-Zamora. 106,9 km
O primeiro tramo arranca da LAV Madrid-Valladolid á altura de Olmedo (provincia de Valladolid) e circula paralelo ao tramo de probas de Adif ata Medina del Campo, onde se edificará unha nova estación ferroviaria, ao sur do casco urbano. Aquí realizarase a conexión coa futura liña Medina del Campo-Salamanca.
Desde Medina continúase ata a cidade de Zamora polo sur das provincias de Valladolid e Zamora. Trátase dun novo trazado que discorre na súa maior parte separado da liña convencional, a través dun terreo chairo que non esixe grandes obras de enxeñería: en total, proxectáronse 26 viadutos. No acceso a Zamora, unha vez salvado o río Douro, a nova liña discorre polo corredor existente ata a estación, que conservará o seu edificio de 1902.

Tramo Zamora-Lubián. 139,1 km
O seguinte tramo, Zamora-Lubián é o máis longo da liña e discorre desde o centro ata o estremo noroeste da provincia de Zamora, nun novo trazado independente da liña convencional Zamora-A Coruña e ao leste desta. Tras salvar o encoro de Ricobayo discorre despois por terreos chairos a carón da serra da Culebra. O terreo vólvese máis abrupto na contorna de Puebla de Sanabria, cun trazado a media ladeira que obrigará a construír pequenos túneles ata enfrontarse coa Portela do Padornelo, que dá acceso ao val de Lubián, xa lindando con Galicia.
Tramo Lubián-Ourense. 101,7 km
Este tramo supón a entrada da liña en Galicia. Cruza transversalmente a provincia de Ourense desde o límite con Zamora, no sueste, cun trazado que transita pola localidade de A Gudiña e se dirixe ao norte da autopista A-52 ata a capital provincial.
É o tramo máis complexo de toda a liña desde o punto de vista orográfico e xeotécnico. Por este motivo, nun principio, non se contemplaba vía dobre en todo o traxecto, senón que se utilizaba o actual túnel de Padornelo en vía única. Posteriormente, o Ministerio de Fomento reformou os proxectos iniciais no sentido de construír un novo túnel de Padornelo pola dereita, en sentido Galicia, deixando o túnel actual para a outra vía.
A complicada orografía da zona e a premisa de conseguir uns parámetros propios de alta velocidade obrigan a que gran parte do trazado descorra en túnel ata o seu destino final, a estación de Ourense-Empalme. Esta estación está chamada a ser un estratéxico nó de alta velocidade, xa que será a orixe e destino non só do tramo a Santiago, senón tamén dos que se dirixirán a Lugo, por unha banda, e a Pontevedra e Vigo, por outra, dúas actuacións básicas para estender a alta velocidade en Galicia.
Tramo Ourense-Santiago. 87,1 km
O cuarto tramo, cuxas obras de construción de plataforma se iniciaron en 2004 baixo a dirección de Adif, atravesa as provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña en dirección noroeste, seguindo o corredor da A-53, ata enlazar co Eixe Atlántico preto de Santiago de Compostela.
Xunto co tramo anterior, é a parte máis complicada de todo o traxecto. Para salvar a difícil orografía da zona e reducir o impacto ambiental foi necesario construír un total de 38 viadutos e 31 túneles, o que supón máis do 57% da lonxitude total de todo o tramo.
Con respecto á liña convencional, acurta a distancia actual entre Ourense e Santiago en 38,9 km.
É o percorrido que presenta o estado máis avanzado de toda a liña e o primeiro que vai ser posto en servizo.
Un aspecto moi importante deste tramo é con respecto ás zonas ambientalmente valiosas que atravesou, adoptándose medidas de protección, recuperación e protección ao patrimonio que nalgunhas zonas chegaron a superar o 33% do orzamento da obra.

Tramo Santiago-A Coruña, 65,1 km
Este tramo pertence ao Eixe Atlántico, que discorre de norte a sur pola fachada atlántica, entre Ferrol e Portugal, ao longo de 238 quilómetros.
A liña previa existente foi obxecto dunha mellora integral, mediante duplicacións de vía, variantes de trazado e electrificación do traxecto entre ambas as dúas cidades. O 37,4% do tramo está constituído por estruturas singulares, en concreto 17 túneles (20,2 km) e 10 viadutos (2,8 km).
Punto de Información e Atención ao Cidadán
Os PIAC ofrecen información aos cidadáns actualizada sobre o estado das obras dispoñendo dunha atención personalizada sobre os aspectos concretos dos diferentes proxectos e tramitando todas as consultas relativas aos procesos construtivos, á afectación da mobilidade ou outros aspectos. Ademais recóllense todas as reclamacións e solicitudes que os cidadáns formalizan no PIAC.
Nos PIAC tamén se ofrece información audiovisual e folletos con información sobre as características principais da LAV, actuacións ambientais, estruturas máis destacadas e principais beneficios.
PIAC de Santiago de Compostela

- Enderezo: Plataforma primeira da estación de Santiago de Compostela
- Horario: de luns a domingo de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas
- Teléfono: 981 594 927
- correo electrónico: piac.santiago@adif.es

- Vídeo: Estado Lav Ourense-Santiago (Xuño 2011)
Vídeo proxectado na visita do Ministro de Fomento á liña, o 23 de xuño de 2011. Ademais de explicar o estado actual das obras, arguméntase como vai ser posible chegar a arredor do 2015 como data de posta en servizo de toda a liña Madrid-Galicia. - Vídeo: Lav Madrid-Galicia (Xuño 2010)
Descrición dos diferentes tramos que compoñen a liña de alta velocidade Madrid-Galicia, destacando o comprendido entre Ourense e Santiago, que será o primeiro en ser posto en servizo. - Vídeo: Viaduto Río Ulla. Método construtivo (Decembro 2009)
Descrición dos procesos e detalles construtivos do viaduto do río Ulla. Esta infraestrutura é unha das máis destacadas do novo eixe de alta velocidade Ourense – Santiago, pertencente a […] - Vídeo: Tramo Silleda-Vedra-Boqueixón (Decembro 2009)
Entre os tramos do eixe de Alta velocidade Ourense-Santiago destaca o que pasa entre Silleda-Vedra- Boqueixón. Nel atópanse dúas das infraestruturas máis destacadas de toda a liña, o viaduto de Sáramo, que é o máis longo, e o viaduto do río Ulla, que é o viaduto ferroviario con maior frecha e altura de pila de toda España. - Vídeo: Eixe Atlántico de Alta Velocidade. Tramo A Coruña-Vigo (Abril 2009)
Descrición dos datos máis relevantes da liña de alta velocidade que se está construíndo entre Ferrol e a fronteira portuguesa.