- Inicio
- Infraestruturas e estacións
- Liñas de alta velocidade
- Liña Madrid-Galicia.
- Liña Ourense - Santiago
Liñas de Alta Velocidade
Eixe Ourense-Santiago
TRAMO OURENSE-SANTIAGO DE COMPOSTELA-A CORUÑA

O Eixe Ourense-Santiago forma parte do denominado Corredor Ferroviario Norte-Noroeste, que permitirá a conexión do Noroeste co Centro e o Norte peninsular a través do Eixe Madrid-Segovia-Valladolid.
Conecta en Santiago co Eixe Atlántico (Ferrol-A Coruña-Santiago-Pontevedra-Vigo-Fronteira Portuguesa), tamén en construción. A finalización dos traballos de mellora integral e electrificación no tramo do Eixe Atlántico entre Santiago e A Coruña, cunha lonxitude de 62 km, fixo posible a entrada en servizo, o 10 de decembro de 2011, dunha nova conexión de alta velocidade entre Ourense e A Coruña, de 150 km de lonxitude, cun adianto dos prazos previstos inicialmente, que fixaban a súa posta en servizo para 2012.
Serán os primeiros tramos que entren en servizo da futura liña de alta velocidade que unirá Galicia coa meseta.
INVESTIMENTO
O investimento total estimado das obras do tramo Ourense-Santiago (plataforma, vía e instalacións) ascende a 2.547 millóns de euros. Engadindo os investimentos do tramo entre Santiago e A Coruña, o Goberno de España destinou máis de 3.300 millóns á construción da primeira liña de alta velocidade de Galicia, entre Ourense, Santiago e A Coruña.
CARACTERÍSTICAS DO TRAZADO

O trazado de 87.5 km deseñouse segundo os máis altos parámetros definidos para a alta velocidade con dobre vía electrificada de ancho internacional UIC (1.435 mm). Con todo, nunha primeira etapa, optouse por instalar vía de ancho ibérico (1.668 mm) con travesa polivalente, para evitar que o Eixe quede illado ata a posta en servizo da liña completa de alta velocidade Madrid – Galicia, prevista para arredor de finais de 2015. Con esta solución non resulta necesario construír novos cambiadores de ancho, nin instalación de terceiro carril na liña Santiago – A Coruña, conseguíndose un importante aforro económico tanto en investimentos como en custe de explotación.
A nova liña incorporará os máis avanzados sistemas de sinalización e seguridade ferroviaria.
Trátase dunha liña de gran complexidade construtiva pola accidentada orografía que atravesa. Para salvala foi necesaria a construción de 31 túneles, que suman 29,3 km baixo terra, e 38 viadutos, que totalizan 20,4 km de lonxitude. Máis do 57% de todo o percorrido discorre en túnel ou en viaduto.
- 38 viadutos ao longo de 20,4 km
- 31 túneles ao longo de 29,3 km
VANTAXES
- Redúcese en 38,9 km a distancia do percorrido entre Ourense e Santiago, pasando dos 126 km actuais a 87,1 km
- Increméntase a fiabilidade, a regularidade e a seguridade da circulación ferroviaria mediante o uso de tecnoloxías punta nos sistemas de condución automática de trens.
- Redúcese de forma sensible o tempo de viaxe entre ambas as dúas cidades, pasando duns 90 minutos a tan só 38 minutos.
- Contribúe a vertebrar o territorio nacional e da comunidade galega. O trazado está conectado coa liña de alta velocidade do Eixe Atlántico.
OBRAS SINGULARES NO TRAMO OURENSE-LALÍN
Viadutos
Entre os viadutos, destacan pola súa lonxitude o viaduto sobre o río Arenteiro (1.444 m.), Viñao (1.357 m.) e Deza 1 (913 m.)
Polo que respecta á altura, o viaduto sobre o río Barbantiño ten a altura de pila máis alta en 97,9 m.
Túneles

Nesta zona do trazado atópanse os túneles de maior lonxitude, entre os que destaca, por ser o máis longo do Eixe Ourense- Santiago o túnel de Burata con 4.068 m. de lonxitude. Este túnel conta, ademais, cunha galería paralela, de sección inferior e conectada ao túnel principal cada 250 metros, pola que poden acceder vehículos tanto para operacións de mantemento como de emerxencia.
Outros túneles significativos son: o túnel de Outeiro (2866 m.), Piteira (2.135 m.), San Fiz (2.135 m.), Mundín (1.112 m.) e Barro (1.494 m.).
OBRAS SINGULARES NO TRAMO LALÍN-SANTIAGO
Viadutos

No Tramo Lalín-Santiago encontramos varios viadutos singulares, entre os que cabería destacar pola súa tipoloxía o viaduto Rego das Lamas (287 m.) co seu arco superior atirantado no cruce coa autopista AP-53.
O viaduto sobre o río Deza (1.175 m.) e o viaduto de O Eixo (1.224,4 m.) teñen arcos centrais que foron construídos polo procedemento de abatemento dos semiarcos, cunha altura de 96 e 84 m. respectivamente.
O viaduto do río Sáramo (1.465 m.) é o de maior lonxitude de toda a liña.
Por último, hai que facer mención ao viaduto do Ulla, que foi merecedor do Premio San Telmo 2011, concedido polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia á mellor obra de enxeñería civil executada na comunidade galega. Tamén recibiu o premio á mellor realización de Obra Civil da Asociación Científico-Técnica do Formigón Estrutural (ACHE).
O viaduto ten unha lonxitude de 630 m., altura máxima de pila de 116,9 m. e un gran arco central de 168 m. de luz, o cal se construíu empregando dous carros de avance en voladizo, o que marca a auténtica dificultade do proxecto construtivo desta obra civil.
As súas dimensións fan que o viaduto sobre o río Ulla sexa o máis alto de todas as liñas españolas de alta velocidade, tanto en altura de pilas como na frecha do arco central (104,4 m).
A tipoloxía do viaduto foi adoptada para salvagardar o sistema fluvial Ulla-Deza e así cumprir as esixencias da Declaración de Impacto Ambiental.
Outros viadutos importantes desta parte do percorrido son os seguintes: Martixe (974 m.), Covas (975,2 m.) e Besteiros (730 m.).

Túneles
No Tramo Lalín-Santiago executáronse un total de 19 túneles.
Os túneles de maior lonxitude son o túnel de Carboeiro (1.420 m.), Vilar do Xesta (1.215 m.), Marrozos ( 1.158 m.) , Vila de Cruces (890 m.), O Curro (840 m.), Agro (820 m.) e o túnel de A Pena (810 m.).
ESTACIÓNS
Estación de Ourense

As obras de adaptación para a chegada da alta velocidade á estación de Ourense consisten na reforma e mellora das marquesiñas, plataformas, edificios de viaxeiros e aparcamento.
No edificio de viaxeiros construirase unha sala de espera independente e remodelarase a zona de venda de billetes para permitir unha mellora na fluidez do tránsito de viaxeiros na estación.
Por outra parte, xa se licitou a redacción dos proxectos básico e de construción da nova estación intermodal, na que se inclúen novos edificios para o posto de mando e oficinas, a prolongación da rúa Xesús Pousa Rodríguez e o proxecto básico de praza de cobertura de vías entre a nova estación intermodal e a avenida de Santiago.
Estación de Santiago de Compostela
A estación de Santiago será remodelada para acoller a chegada da alta velocidade e convertirase nun centro intermodal de transporte, grazas á integración dunha nova terminal de autobuses. Ademais, terá lugar unha actuación urbanística na área de influencia da estación.
Os primeiros traballos consistirán na adaptación e ampliación parcial das plataformas existentes, o traslado das instalacións de mercadorías e de mantemento de infraestruturas, así como a resolución dos accesos peonís e rodados ao complexo da estación.

ACTUACIÓNS AMBIENTAIS E DE PROTECCIÓN DO PATRIMONIO
Adif destina parte do orzamento de construción das liñas de alta velocidade a garantir a súa integración ambiental, asegurando o cumprimento das Declaracións de Impacto Ambiental (DIA) e realizando melloras na contorna de forma voluntaria.
Nalgúns puntos da LAV Ourense-Santiago, as actuacións ambientais supuxeron ata o 33% do orzamento, concretamente no Subtramo Lalín (Anzo)-Lalín (Baxán).
Entre as medidas tomadas destacan a protección do ecosistema dos ríos, a flora e a fauna do espazo polo que discorre o corredor ferroviario, así como minimizar o impacto paisaxístico, sonoro e visual.
Deste xeito, contémplase a plantación de preto de 160.000 árbores, así como 2,9 millóns de metros cadrados de hidrosementeira e 647.000 m2 de sementeira. A protección contra o ruído lograrase mediante a colocación de 13.165 m2 de pantalla acústica e 640 m lineais de pantallas arbóreas. Así mesmo, habilitáronse máis de 20 pasos de fauna a distinto nivel, así como 134 mecanismos de escape para a fauna que puidese penetrar no cerramento da plataforma.
Por outra parte, Adif traballou en estreita colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia para garantir a conservación do patrimonio arqueolóxico afectado pola construción da LAV. Con esta fin leváronse a cabo sondaxes e seguimentos arqueolóxicos, protección e catalogación de novos elementos, intervencións e escavacións arqueolóxicas.
Ao longo do trazado foi preciso ter en conta a existencia de elementos de recoñecido valor cultural como o hórreo de Carboeiro, o muíño de Reguengo ou o xacemento Castriño de Bendoiro. Ademais, trasladouse e púxose en valor o “Cruceiro de Pazos” e escavouse e púxose en valor a “Mámoa de Cousa Nova”.
Do mesmo xeito, no deseño de determinadas estruturas tívose en conta a presenza de elementos catalogados como patrimonio cultural, tal e como se fixo no viaduto sobre o río Portos, pola súa proximidade con “Ponte Ceballos”, ou o hórreo inventariado nas proximidades do viaduto do Sáramo.
Punto de Información e Atención ao Cidadán
Os PIAC ofrecen información aos cidadáns actualizada sobre o estado das obras dispoñendo dunha atención personalizada sobre os aspectos concretos dos diferentes proxectos e tramitando todas as consultas relativas aos procesos construtivos, á afectación da mobilidade ou outros aspectos. Ademais recóllense todas as reclamacións e solicitudes que os cidadáns formalizan no PIAC.
Nos PIAC tamén se ofrece información audiovisual e folletos con información sobre as características principais da LAV, actuacións ambientais, estruturas máis destacadas e principais beneficios.
PIAC de Santiago de Compostela
- Enderezo: Plataforma primeira da estación de Santiago de Compostela
- Horario: de luns a domingo de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas
- Teléfono: 981 594 927
- correo electrónico: piac.santiago@adif.es

- Vídeo: Estado Lav Ourense-Santiago (Xuño 2011)
Vídeo proxectado na visita do Ministro de Fomento á liña, o 23 de xuño de 2011. Ademais de explicar o estado actual das obras, arguméntase como vai ser posible chegar a arredor do 2015 como data de posta en servizo de toda a liña Madrid-Galicia. - Vídeo: Lav Madrid-Galicia (Xuño 2010)
Descrición dos diferentes tramos que compoñen a liña de alta velocidade Madrid-Galicia, destacando o comprendido entre Ourense e Santiago, que será o primeiro en ser posto en servizo. - Vídeo: Viaduto sobre o río Ulla (Agosto 2010)
O viaduto sobre o río Ulla é unha das máis destacadas infraestruturas de toda a liña Ourense-Santiago. O vídeo mostra con detalle o proceso construtivo deste novo viaduto. - Vídeo: Viaduto Río Ulla. Método construtivo (Decembro 2009)
Descrición dos procesos e detalles construtivos do viaduto do río Ulla. Esta infraestrutura é unha das máis destacadas do novo eixe de alta velocidade Ourense – Santiago, pertencente a […] - Vídeo: Tramo Silleda-Vedra-Boqueixón (Decembro 2009)
Entre os tramos do eixe de Alta velocidade Ourense-Santiago destaca o que pasa entre Silleda-Vedra- Boqueixón. Nel atópanse dúas das infraestruturas máis destacadas de toda a liña, o viaduto de Sáramo, que é o máis longo, e o viaduto do río Ulla, que é o viaduto ferroviario con maior frecha e altura de pila de toda España. - Vídeo: Eixe Atlántico de Alta Velocidade. Tramo A Coruña-Vigo (Abril 2009)
Descrición dos datos máis relevantes da liña de alta velocidade que se está construíndo entre Ferrol e a fronteira portuguesa.
