Ourense. Estacións para o turismo interior

Os Peares

Situada na liña Monforte–Vigo, a 26 km de Ourense e próxima á localidade de Monforte de Lemos (Lugo).

O trazado deste tramo ferroviario constitúe a vía arterial que penetra en Galicia, con tendido eléctrico en toda a súa lonxitude, a diferenza da de Zamora–A Coruña.

Pola súa localización, trátase dun fermoso lugar situado no canón do Sil, dando entrada á Ribeira Sacra e coincidente co punto onde conflúen os ríos Sil e Miño.

O seu contorno é unha porta aberta á natureza onde a auga actúa como protagonista. Coa trama dos seus leitos e a tranquilidade no ambiente é posible gozar de diversos deportes fluviais típicos na zona; tamén do descanso, do relax...

Dado o interese turístico que representa o lugar dos Peares, a estación dispoñerá dun punto de información turístico e a súa correspondente cantina histórica.

A nave anexa será dedicada a actuacións de tipo circense, cunha capacidade de 30 persoas, e reservarase un espazo dedicado ao museo do pallaso e outra zona como sala-taller. Tamén está previsto un merendeiro na área de acceso a esta.