Estacións históricas

Estación de Valladolid

"... Vai a Castela e Aragón, solemniza no meu real nome a inauguración das obras dos ferrocarrís do Norte e Zaragoza, e failles saber aos casteláns e aragoneses o meu vivo e constante anhelo polo engrandecemento e futura prosperidade do pobo leal a quen estima a súa raíña Isabel..."

É o que a raíña Isabel II quixo que o xeneral Espartero no seu nome lle transmitise ao pobo valisoletano nun acto solemne, o 28 de abril de 1856, momento inicial das obras da estación e que supuxo para a cidade un festexo importante e de gran transcendencia para a vida social e económica de Valladolid.

 

Lámina estación Valladolid

Segundo recollen algúns escritos de prensa da época, construíuse un grande arco de ladrillo debido ao temor da poboación de que as súas casas se puidesen derrubar a causa das vibracións do chan ao paso das enormes máquinas de vapor e dos trens. Antes de caer as casas, faríao a propia ponte.

O Arco Conmemorativo de Ladrillo lémbranos o comezo das obras do traxecto ferroviario, por un lado, cara a Medina del Campo, e, polo outro, cara a Burgos, formando parte da liña Madrid–Irún, que a compañía dos Caminos del Hierro del Norte comezou a construír en 1856. O primeiro era trazar a liña. Para finalizar a súa construción, quedaron, naturalmente, as partes que presentaban dificultades, como a serra de Guadarrama, en Castela, e os somontes pirenaicos, en Guipúscoa. Houbo momentos en que a masa laboral nos traballos da serra chegaron a cifrarse en 13.750 homes (en abril de 1860). Non se realizou o esforzo suficiente para cumprir co acordo que durante o reinado de Isabel II se estableceu co país veciño co obxecto de unir as súas infraestruturas ferroviarias a través de Bayona. A falta de claridade nos proxectos e concesións francesas, a situación de conflito interno e a posta en servizo da conexión marítima Francia-España a través de Santander coa Compagnie Internationale de Navigation atrasarían a conexión ferroviaria ata principios do século XX. En 1858, a raíña Isabel II acudiu ao acto do comezo das obras da ponte Príncipe Alfonso (sobre o río Pisuerga), na que colocou a primeira pedra.

Da man do enxeñeiro francoespañol Enrique Grasset y Echevarría e do arquitecto Salvador Armagnac correu o proxecto de execución do que é hoxe a Estación de Campo Grande ou do Norte en Valladolid. Un novo proxecto que en segunda versión corrixida foi aprobado por fin en maio de 1891. A realización completa do edificio concluíu en outubro de 1895, nun lugar onde antes tan só había un simple apeadeiro cuxo único fin era darlles aos viaxeiros a oportunidade de subir e baixar do tren.

Colección Museo do Ferrocarril de Madrid. Fundación dos Ferrocarrís Españois
Vestíbulo da estación

Compoñía o proxecto un pavillón central, dous corpos laterais e dous pavillóns extremos, seguindo o esquema típico das estacións da Compañía del Norte. Tres grandes portas baixo arcos de medio punto ábrense no pavillón central, divididas por pilastras xemelgas sobresaíntes do paramento da fachada e sostidas dúas a dúas por un zócolo.

A conxunción pedra-ladrillo domina a fachada. Perpiaño no corpo central e cadenetas nos flancos de todos os pavillóns. Pedra tamén nas embocaduras de portas e ventás. O demais, ladrillo prensado. No frontispicio e a ambos os lados do escudo da cidade, flanquean as esculturas da Agricultura e da Industria, obra do escultor Ángel Díaz.

Colección Museo do Ferrocarril de Madrid. Fundación dos Ferrocarrís Españois

O complemento da cuberta de ferro sobre as plataformas, con reloxos nas cortinas de ambos os extremos, fan lembrar a estación de Príncipe Pío, xa que a súa factura (sistema articulado de coitelas tipo Polonceau) é análoga. Mantívose nos vinte metros de luz, pero con menor alzado –arranca da cornixa da primeira planta do edificio– que no primeiro estudo de Enrique Grasset e con menos caireis decorativos. As columnas que a soportan foron fundidas nos talleres bilbaínos de Zorroza.

A alusión a Campo Grande débese á súa proximidade co popular parque cidadán de gran concorrencia, polo que era un marco ideal para o encontro e a convivencia social daquela época.

Queda pegada deses anos de prosperidade e optimismo na estación mesma, loxicamente, e nas vellas rotondas, acubillo das locomotoras de vapor. Pero a configuración futura deste conglomerado entrou en vías de cambio co acordo de cooperación ao que chegaron Renfe e o Concello valisoletano en maio de 1993, para encontrar unha solución técnica á barreira que representaba o trazado ferroviario para o desenvolvemento da cidade. A rede arterial ferroviaria pretende converter Valladolid no centro de transporte máis importante cara a todo o noroeste, e, para o que á estación respecta, a súa inmediata conversión no centro de atención ao viaxeiro.

Estación de Valladolid

A estación de Valladolid preséntase hoxe ben folgada, airosa, luminosa en todos os seus elementos formais, tras a súa profunda remodelación para celebrar os cen anos do comezo da súa construción (1891-1991). Valladolid tivo sempre boa luz artificial: foi a primeira da liña que dispuxo de iluminación de gas, e en 1990 estreouse un sistema de iluminación da fachada que permite unha magnifica visión nocturna das súas excelencias.


Edición Impresa

FICHA TÉCNICA ESTACIÓN DE VALLADOLID

Portada de la edición impresa

Noviembre de 2006

En esta edición han participado Adif, a través de su Dirección de Patrimonio y Urbanismo, Dirección Ejecutiva de Estaciones de Viajeros y la Fundación de los Ferrocarriles Españoles.