Estacións históricas

Palacio Fernán Núñez

Construído polo arquitecto Martín López Aguado en 1848, e vinculado á
casa ducal de Fernán Núñez, este edificio, moi próximo ao Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, constitúe un dos exemplos máis significativos da opulencia con que vivía a aristocracia madrileña durante o período isabelino. A súa sinxeleza exterior, máis en liña coa orde clásica dos palacios do dezaoito –simetría nos ocos, pilastras, balcóns–, contrasta co barroquismo e a suntuosidade do seu salón de bailes, salóns, saletas, pezas de lectura e despachos ricos en frescos, esculturas, estucos, sedas, marquetarías e cristalarías. E é que daquela, en palacio celebrábanse parladoiros, certames literarios, luxosas festas, concertos e bailes, aos que adoitaba acudir con frecuencia a mesmísima raíña Isabel II.

Na década de 1970 foi reformado por un grupo de arquitectos composto por Fernando Ruiz Jaime, Federico Echevarría e Horacio Domínguez con obxecto de instalar en parte das súas dependencias o Museo do Ferrocarril. En 1983 o museo foi trasladado á Estación de Las Delicias, destinándose o palacio en 1941 a usos administrativos de Renfe; hoxe é fundamentalmente a sede da Fundación dos Ferrocarrís Españois.

Ao longo de todos estes anos, Patrimonio e Urbanismo mantivo en bo estado de conservación os salóns orixinais do palacio, preservando todo o seu esplendor de antano. Desde hai un par de anos véñense realizando obras de restauración no palacio, sobre todo nas súas dúas fachadas exteriores, así como a restauración e acondicionamento dos seus patios e claustros interiores, o que non impide o normal funcionamento do horario de visitas.

Fachada do Palacio de Fernán Núñez (Madrid).